Dicionarios técnicos. Entre bambolinas.

Tradución Lucía ÁLVAREZ.

Queridos compañeiros,

Gustaríame facer un inciso antes de pasar á tradución da entrada máis visitada do mes de maio para así darlle unha calorosa benvida, no nome de proTECT project, a Mary Black, quen será a tradutora das entradas ao inglés. Non pensariades que pasaríamos por alto a lingua máis internacional, verdade? Podedes consultar a páxina equipo para coñecer mellor a Mary.

Deixámosvos xa coa entrada máis visitada do mes pasado (grazas pola parte que me toca).

Òscar Aznar Alemany

Coordinador de traducións

.

Òscar Aznar é un antigo compañeiro de carreira da facultade de TeI na Universitat Autònoma de Barcelona, de feito, traballamos en equipo nalgunha que outra asignatura. Curiosamente, compaxinaba os seus estudos de TeI coa licenciatura en Química. Logo de acabar os nosos respectivos estudos perdémonos o rastro unha tempada. Cando volvín a saber del contoume que estaba a traballar na elaboración dun dicionario de química. Pensei que sería moi interesante que nos falase dese traballo xa que a min, ata entón, non se me ocorrera penetrar no terreo profesional como tradutora de semellante xeito, optara por unha saída máis tradicional: traballar como autónoma tanto para clientes directos como para axencias. Por este motivo, nesta entrada, Òscar falaranos da súa experiencia nese proxecto para así achegarnos un pouco ao mundo da elaboración dos dicionarios especializados. Pero, antes de nada, unha presentación formal que nos axudará a entender un pouco mellor as súas respostas:

Òscar Aznar Alemany é químico (Universitat de Barcelona, UB) e tradutor coa combinación EN, PT > CA, ES (Universitat Autònoma de Barcelona, UAB) quen se especializou cun máster en análise química (UB) e outro en corrección lingüística en catalán (UAB). Compaxina a ensinanza do inglés con proxectos lingüísticos como o voluntariado na tradución de subtítulos para TED (www.ted.com) ou, profesionalmente, na corrección de teses doutorais ou colaboracións co TERMCAT (centro de terminoloxía de lingua catalá).

A escolla é pouco habitual, que te levou a compaxinar os estudos de química cos de tradución?

Sempre me interesaran as ciencias puras e as linguas do mesmo xeito. Na miña mente presentábanse como dous fenómenos moi semellantes: sistemas naturais (en oposición a artificiais) rexidos por unhas linguas implícitas pero deducibles. Eran xogos de descodificación e de codificación. Nun primeiro momento, matriculeime en química porque é máis alcanzable formarse en linguas fóra da universidade que en ciencias experimentais. Non obstante, cando superei o primeiro ciclo da licenciatura, unha compañeira de tradución e interpretación faloume do acceso ao segundo ciclo da súa carreira e non puiden desaproveitar a oportunidade de optar pola formación universitaria nun campo que me apaixonaba.

Ao rematar as dúas carreiras, cales eran as túas expectativas profesionais? A axuda na elaboración do dicionario foi o teu primeiro traballo como profesional? Como se che presentou?

Víame cun traballo estable nun laboratorio a media xornada para así asegurar un soldo de supervivencia e dedicando a outra metade do día á tradución e á corrección de textos científicos e técnicos. Na práctica, substituín o laboratorio polas clases de inglés xa que o horario é moito máis marcado (no laboratorio ás veces dependes do experimento e hai que chegar cedo e saír tarde) e penso que xa hai moitos científicos, aínda que faltan profesionais que lles traballen a lingua (xa me entendedes). O primeiro que fixen foi corrixir un par de teses doutorais e un traballo de fin de máster dunhas compañeiras do departamento de química analítica da universidade. Despois, máis por curiosidade que por intención, mandei o meu currículo ao TERMCAT e dende alí contactaron comigo. Participei na primeira fase da actualización do Diccionario enciclopèdic de medicina de Enciclopèdia Catalana e, ao rematar, consideraron o meu perfil para desatoar o dicionario de química.

Cal era o título do proxecto (ou do dicionario) e cantas persoas estabades involucradas na súa concepción? Cal era a labor de cada un de vós e como estaba dividido o traballo?

Sorprendentemente, tratábase do Diccionari de química, sen máis. Moitas persoas participaron nalgún momento concreto do proxecto, calculo que sobre unhas trinta ou mesmo máis. Na fase de redacción, especialistas de cada área temática da química, nas que se dividiu o dicionario, escribiron os termos e as súas correspondentes definicións en catalán, ademais das denominacións en castelán e inglés. Na revisión temática, outros expertos tiñan que revisar o contido científico. A todo iso seguíalle unha revisión lingüística por parte dos terminólogos do TERMCAT e unha revisión final dos responsables do proxecto.

Durante canto tempo se prolongou o proxecto?

Digamos que se trata dun dicionario antigo. Eu entrei a formar parte do proxecto a finais do 2011, polo que soamente podo facer cábalas. A redacción dunha área pode oscilar dende un par de semanas ata un par de meses, ou tres ou catro, segundo a extensión da mesma e da dedicación horaria. Sendo os redactores en gran medida profesores universitarios poderíase dobrar ou mesmo triplicar. A revisión temática foi o que estancou o proxecto, xa que algúns especialistas foron cuestionablemente fieis ao seu compromiso e quedaron moitas áreas sen revisar. Cónstame que no ano 2007 se levou a cabo a revisión lingüística dunha das revisadas, pero pouco máis. Como os autores, profesores universitarios, gozaban de abundante traballo debido á magnífica distribución de recursos deste país, non houbo ningún tipo de presión para avanzar e o TERMCAT seguía con outros proxectos. Ata que apareceu un rapaz ilusionado, de aspecto responsable e formado en química e lingua, á par que atractivo . Deste xeito, confiáronme as revisións temática e lingüística coa intención de converter o traballo de dous meses de dez persoas nun traballo de vinte meses dunha, non habería présa e así conseguiría un resultado moito máis homoxéneo.

Comentáchesme que non chegara a ver a luz por falta de financiación, cales foron exactamente as causas da paralización do proxecto? Pódese facer algo por cambialas?

O TERMCAT é un organismo público que manexa moitos proxectos e que cada ano se estuda o orzamento minguante que se dedica a cada un deles. Este proxecto non é prioritario nin sequera para os autores (que xa teñen bastante co seu), polo que está en cola de espera. Calquera goberno que sexa quen de mellorar a xestión ou calquera mecenas adiñeirado serán benvidos . Nestes momentos pode faltar un ano de traballo.

Que sucederá con todo o traballo feito se o proxecto non continúa ata a súa finalización?

Polo de agora cóntase con poder financialo, ou sexa que non se formulou esta cuestión, que eu saiba. Como a revisión se fai por áreas temáticas, supoño que se poderían publicar minidicionarios específicos. Sempre se poderían engadir todos os termos á base de datos pública da TERMCAT.

Sabes se este tipo de circunstancia se da a miúdo?

Por desgraza, parece que é unha constante en calquera traballo hoxe en día.

En que circunstancias laborais quedou o equipo? Cales son os teus plans de futuro? Contemplas a posibilidade de poder seguir traballando en ambas especialidades?

O equipo estes dous anos formámolo unha responsable do TERMCAT máis eu. Ela segue con outros dicionarios e eu aproveito un merecido descanso para experimentar coa formación en liña e dedicarme a todo o que nunca facemos “por falta de tempo”. Estou considerando cursar algún máster específico de tradución científica ou mesmo escribir un supervendas e vivir das rendas . En realidade non o sei, tendo a improvisación, pero a miña intención é a de seguir traballando na linguaxe científica.

Hai algunha cousa máis que creas que é relevante para comentar?

Falaríache de Doctor Who e de Downton Abbey, pero creo que, a pesar de todo, non encaixan no tema…

Xa esquecera ese humor teu Òscar , moitas grazas por concederlle esta entrevista a proTECT project! Estou segura de que espertará en todos un gran interese.

Unha aperta enorme,

Amaia

About proTECT project

iniciativa en pro del acercamiento entre técnicos y traductores especializados y en busca de la calidad técnica y lingüística óptimas de la documentación que generan. Si quieres colaborar, puntual o habitualmente, ponte en contacto con nosotros en proTECTproject@ymail.com

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: