Entrei no roster da ONU!

(O LCE-2012-Spanish Translators. Parte VI. )

Escrito por Amaia GÓMEZ. Tradución Lucía ÀLVAREZ.

Quen me dera a min! Ese grito non o lancei eu, moi ao meu pesar. Quen probablemente si o puidese lanzar aos catro ventos son dúas coñecidas miñas: Olga Campos e Ana Puga, ás que, dende aquí, felicito persoalmente por tal fazaña, xa que a porcentaxe de aprobados é moi baixa. Olga á primeira e Ana á segunda, quen a segue conséguea!… así que seguirei o teu exemplo .

Posto que non podo contar en primeira persoa cales son os pasos do exame previo a entrar nesa prezada lista, decidín entrevistar a Olga para que ela mesma me conte a última parte: a entrevista persoal unha vez superado o exame escrito. Desta forma, dou por rematada a serie de entradas que lle dediquei ao tema e que podedes recuperar a través das seguintes ligazóns: http://wp.me/p1CP3Z-4y, http://wp.me/p1CP3Z-4I, http://wp.me/p1CP3Z-4W, http://wp.me/p1CP3Z-5q e http://wp.me/p1CP3Z-5H.

Pero antes de nada, deixádeme que vos presente a Olga:

Olga 72 ppp 27-6-13@Olgacamposa é licenciada en Tradución e Interpretación pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona (1999) e tradutora xurada de lingua inglesa, completou o Máster en Tradución Médico-Sanitaria da Universitat Jaume I de Castellón (2008) e na actualidade é tradutora autónoma e profesora do antedito máster.

Coñecémonos en Salamanca alá por setembro de 2012 cando nos convocaron á proba escrita do exame e axiña conxeniamos moi ben, de tal xeito que hoxe en día seguimos en contacto. Pero estou segura de que a nosa historia de amizade non é o que interesa desta entrada, así que vou ao gran.

Olga, fixemos o exame escrito o 11 de setembro de 2012, a min chegoume a notificación de que non o superara o mércores 6 de marzo, pero creo que aos que si o superástedes vos avisaron un pouco antes, o venres 1 de marzo? Como o fixeron, porque creo que incluso foi un venres a última hora, a iso das sete ou oito da tarde, cando xa deixas de estar pendente do ordenador, non é así?

Ola, Amaia. En primeiro lugar, moitísimas grazas polas felicitacións, foi xenial coñecernos en Salamanca; recordo perfectamente o ben que sabía aquela cervexa na praza Maior logo de tantas horas de exame! O certo é que ese último ano estivo repleto para min de cambios, proxectos, esperas, anhelos e gratas sorpresas. Recibín a noticia do aprobado o venres 1 de marzo, a iso das 20.30 h. Recórdoo, ademais, porque xusto esa noite o meu marido tiña unha cea e eu estaba soa cos meus fillos xogando no comedor. Por casualidade, levanteime e vin que no teléfono se acendía a luceciña roxa que indica que recibiches un correo. Cando vin de onde procedía quedei bloqueada; tantos meses esperando unha resposta e, por fin, chegaba. Abrino de inmediato, pero os instantes que tardou en abrirse o arquivo PDF coa resposta fixéronseme eternos. Alí estaba; custoume asimilalo ao principio, pero sentinme enormemente feliz e foi unha sensación que me durou varios días.

Na carta dicían que máis adiante vos informarían sobre a data do exame e do lugar, que no teu caso foi o 9 de abril en Madrid. Canto tempo tardou en chegar esa segunda notificación e a cantos compañeiros te atopaches en Madrid?

Exacto. Na carta déronnos 4 días hábiles para enviar de novo o noso Personal History Profile actualizado, ademais dunha copia escaneada dos nosos títulos e do pasaporte. Unha vez enviado todo, o 21 de marzo chegoume outra carta na que me comunicaban que o exame estaba previsto para o 9 de abril en Madrid.

Antes de aquel 1 de marzo, eu non coñecía máis que a un par de persoas (ti eras unha delas) que se presentaran ao exame. Coa emoción do aprobado, publiquei unha mensaxe en Twitter e outras tres rapazas fixeron o mesmo. Así foi como coñecín a Ana Puga, Alicia García e a Antía Collazo, intercambiamos os enderezos de correo electrónico e dende entón estamos en contacto. Para min resultaron ser un gran apoio, pois compartimos inquedanzas, dúbidas e medos. Todo isto fixo que esta parte do proceso resultase moito máis levadía. Ademais de Ana, Alicia e Antía, a través de Twitter tamén coñecín a Sabela Avión, que traballa na sede da ONU en Xenebra e que se portou fenomenal, xa que nos resolveu dúbidas sobre a organización e sobre a parte que nos quedaba por diante do proceso de selección.

Ao final, resultou que as catro tiñamos a entrevista prevista para o 8 ou 9 de abril, co que puiden coincidir con Ana e Alicia e comemos xuntas en Madrid.

Cómpre dicir que eu tiña a entrevista programada a primeira hora do día 9 e creo que eles deixaban unha marxe dunha hora entre unha entrevista e outra. Deste xeito, non te atopabas con outros entrevistados nin na entrada nin na saída.

Tamén examinaran a uns cantos o día anterior, non é así? E en Xenebra? Sabes cantas persoas pasaron a esa fase do exame?

Si, en Madrid realizáronse entrevistas o 8 e o 9 de abril e teño entendido que logo o tribunal trasladábase a Xenebra para entrevistar a máis persoas. O que non sei é se as entrevistas de Nova York se fixeron antes ou despois das nosas.

En canto ao número de aprobados, non apareceu en ningún momento o listado no sitio web da ONU, pero creo que a Ana lle dixo un compañeiro que traballa alí que superáramos o exame escrito 19 das 306 persoas que nos presentaramos.

En que consistiu exactamente a proba: partes e tempos, como era o tribunal…?

O tribunal estaba composto polas xefas do servizo de Tradución de Nova York e de Xenebra, unha senior reviser de Xenebra e un responsable de Recursos Humanos que viña tamén de Nova York.

Ao chegar, déronme un texto dunha media páxina máis ou menos e dixéronme que dispuña de 10 minutos para lelo e preparalo. Logo, viñeron buscarme e pasei á sala onde estaban sentados os membros do tribunal. Traducín o texto á vista e logo respondín ás preguntas que me fixeron sobre a tradución (basicamente, pedíronme que lles ofrecese alternativas á tradución que eu dera dalgún termo ou que reformulase a frase).

Unha vez rematada esta parte da proba, o resto da entrevista levouse a cabo en inglés e seguía o modelo do que na ONU denominan competency-based interview. Non é unha entrevista de traballo como ás que estamos acostumados a facer, senón que é un tanto “especial”. Na convocatoria dos exames xa nos dixeron que para o posto de tradutor valoraban as competencias de profesionalidade, traballo en equipo, aprendizaxe continuada e coñecemento das novas tecnoloxías. Así pois, todas as preguntas que me fixeron estaban centradas nesas competencias e, ademais, pedíanme que lles facilitase exemplos reais da miña vida profesional (ou persoal) cos que puidese demostrar que tiña as competencias que eles estaban a buscar. Por exemplo, unha das examinadoras pediume que lle comentase unha situación na que tivese que traballar en equipo, se tivera algún problema e como o resolvera. Tamén me preguntaron cales son as calidades, dende o meu punto de vista, dun bo tradutor profesional. Cómpre dicir que a situación impón bastante, pero foron 45 minutos de conversación tranquila e natural, en ningún momento me sentín intimidada e todos foron moi amables, dende que entrei na sala ata que saín pola porta e puiden respirar.

Posteriormente, cando vos notificaron que entrábades no roster? Sabes cantos dos que vos presentástedes á proba o conseguístedes?

Non sei cantas persoas entramos na lista ao final, chégache moi pouca información nese sentido. Eu recibín a noticia o 24 de maio, ás 23.30 h… Ao envialo dende a sede de Nova York, sempre me pillaron “fóra do horario de oficina”. Como sabíamos que a resposta tiña que chegar dun momento a outro, meu marido levaba todo o día chanceando coa “luceciña vermella do teléfono” e xusto antes de ir durmir preguntoume, irónico, se sería quen de ir á cama sen botarlle antes unha ollada. E alí estaba, como a outra vez, unha mensaxe nova na miña bandexa de correo, cunha marabillosa noticia que agardo me cambie a vida nos próximos meses.

Agora a agardar que vos ofrezan un posto de traballo… a Guillermina Ruiz ofrecéronlle dous postos no prazo dun mes, así que vai preparando as maletas .

Os meus máis sinceros parabéns de novo e moitas grazas por concederme a entrevista, Olga!

Unha aperta, Amaia

Grazas a ti, Amaia, polo estupendo traballo que levas a cabo a través do teu blog, que lle resultará de gran axuda a moitísima xente e non soamente a tradutores  técnicos. Agardo ter boas novas nuns meses e, por suposto, cando as teña, escribireiche para contarchas. Un bico.

About proTECT project

iniciativa en pro del acercamiento entre técnicos y traductores especializados y en busca de la calidad técnica y lingüística óptimas de la documentación que generan. Si quieres colaborar, puntual o habitualmente, ponte en contacto con nosotros en proTECTproject@ymail.com

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: