Dos técnicos que aman a tradución.

Escrito por Vicente ABELLA. Tradución: Lucía ÁLVAREZ

Ao meu ver a idea de crear un espazo de entradas nas que se conten historias de tradutores provenientes de ou especializados no campo científico técnico é moi acertada, pois, quizais por deformación da miña carreira previa de investigador en radiofísica, son dos que pensa que a vida non se pode abranguer a partir de leis ríxidas, senón máis ben debe aproximarse con experiencias mínimas individuais. No seu ensaio De la traducción, Alfonso Reyes, renegaba das teorías tradutolóxicas máis inflexíbeis e apostaba por un “corpus” que recollese experiencias de tradutores e servise de lanterna para futuros profesionais da tradución. Ocórreseme tamén que unha experiencia similar neste espazo podería servir para comprender un pouco mellor ou de forma máis xeral qué é isto de ser tradutor e, sobre todo, para aprender a valorar na súa xusta medida a nosa profesión, tan maltratada ás veces (hai uns días lin un artigo dun twitteiro, de cuxo nome prefiro non acordarme, quen difundía un emprego de tradución da seguinte maneira e cito textualmente: “¿Entiendes ingles y hablas español? Entonces ya tienes trabajo”, o acento tamén falta no orixinal).

Procedo, entón, a contarvos a miña historia. Aos dezaoito anos, por vontades axenas que non veñen agora mesmo ao caso, entrei na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais convencido de que a miña pronta inclinación pola literatura non era unha posibilidade profesional e que a física, pese ao seu atractivo teórico, tampouco sería de gran axuda para labrarme unha vida. Deste xeito, trampeando, conseguín rematar a carreira de Enxeñaría Química e entrar becado no departamento de Enxeñaría Química e Nuclear para, por fin, levar a cabo algo un pouco menos técnico: un doutorado en física de partículas aplicada á radioterapia. Comecei a escribir algún que outro artigo no campo que investigaba e, como as revistas científicas publícanse case todas en inglés, asignáronme dentro do meu grupo de investigacion a tarefa de redactar ou correxir artigos (o meu inglés era bastante bo xa que vivira de novo nos Estados Unidos). Tanto era así, con isto tiro, conscientemente, pedras sobre o meu propio tellado, que cheguei a sospeitar que algún compañeiro me incluira como coautor nos seus artigos únicamente para que os redactase na lingua vehicular da ciencia, pois as correccións e os comentarios lingüísticos que as revistas facían dos borradores que enviábamos podían invitar a máis dun a un suicidio profesional (intúo que a xa recoñecida fama do pésimo nivel de inglés dos españois contribuía a que se ensañasen con nós). Por outra parte, o doutorado, grazas á beca remunerada e á flexibilidade de horario permitíame levar a cabo outras actividades de forma paralela, así que, tras un par de fatídicas tentativas con clases de tango e de salsa, aventureime a estudar a licenciatura de Tradución e Interpretación coa que apouvigaría as miñas inquedanzas lingüísticas e literarias e perfeccionaría o meu nivel de redacción en inglés. Pero, a porca saiume capada, posto que a carreira encantoume e nela descubrín, feliz do meu serodio achado, o que terminei por chamar a miña verdadeira vocación. Así, fun deixando cada vez máis de lado o curso da miña tese doutoral e profundizando en formarme como tradutor e intérprete: primeiro emigrei a Heidelberg en calidade de erasmus e despois a Barcelona para estudar un máster en tradución literaria. Ao malfadado doutorado abandoneino durante aqueles dous anos de dedicación exclusiva á tradución para retomalo máis adiante e, por fin, entregar a tese ao tribunal avaliador non hai moito tempo.

A día de hoxe podería dicir que me considero un tradutor e que me dedico de xeito case exclusivo á tradución editorial e á interpretación. Non renego do meu pasado científico senón, moi ao contrario, gozo enormemente dos meus coñecementos e habilidades no campo, aínda que dunha maneira menos “técnica”, cando non por puro ocio. Se ben non é o que máis fago, traducín numerosos artigos científicos do mundo académico. As miñas publicacións en revistas científicas e algunha que outra batalla cos seus editores, serviume, principalmente, de marca de calidade. O meu obxectivo na actualidade nesta liña é mudarme á esfera da divulgación, colaborando como tradutor ou redactor en revistas ou editoriais non especializadas, faena coa que sei que desfruto coma un meniño. Apaixóname a divulgación en calquera ámbito e paréceme a tarefa máis complexa: sintetizar conceptos e empregar a linguaxe “narrativa” para ligalos cun público non especialista non é un prato sinxelo de elaborar, cómpre de dedicación e, sobre todo, de gozo.

Cando un profundiza nun campo técnico ou científico tanto como ao estudar unha carreira, entende que non debe trivializarse ningunha actividade relacionada con este, por moi tanxencial que aparente. Todo ámbito de especialización ten un vocabulario e unha gramática que non necesariamente coñece equivalente noutro idioma. Por esta razón, calquera de nós, tradutores ou intérpretes, que proveña doutro campo, sexa científico, técnico, de dereito ou de calquera outro, debe sentirse privilexiado de poder ofrecer un servizo tan especializado e, ademais, apostar polo seu futuro recoñecemento..

Foto Vicente AbellaVicente Abella é licenciado en Tradución e Interpretación pola Universitat de València, pola que cursou unha estancia erasmus na Karls-Ruprecht Universität de Heidelberg, conta cun máster en Literatura Comparada e Tradución Literaria pola Universitat Pompeu Fabra e, en breve, será doutor en Enxeñaría de Medicina Nuclear pola Universitat Politècnica de València. Hoxe en día traballa como tradutor na rama editorial e xa colaborou en distintas revistas de divulgación. Tamén traballou como intérprete en conferencias de moi diversa índole, especializándose en eventos do campo científico. Ademais, exerce de corrector e editor e é membro de ASETRAD. As súas combinacións lingüísticas van do inglés, alemán e catalán cara o castelán.

Anuncios

About proTECT project

iniciativa en pro del acercamiento entre técnicos y traductores especializados y en busca de la calidad técnica y lingüística óptimas de la documentación que generan. Si quieres colaborar, puntual o habitualmente, ponte en contacto con nosotros en proTECTproject@ymail.com

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: